miraxes

Afondar, máis unha vez, na incógnita daquela beleza etérea, sutil, na que poucos tiñan reparado. Unha silueta hipnótica que, co paso do tempo, aprendera a descubrir con sixiloso vagar distendido, atopándose profundamente perdida no sorriso misterioso dun ollar eterno en matices. Temor a sucumbir novamente perante a inercia da maxia.

de roto silencio

Paseniño, tras discurso parcial, afundían no seu interior moreas de palabras acumuladas, sen acadar a ubicar un punto exacto no seu subconsciente, insinuando ecos intensos de montaña abisal.
Incapaces de comprenderse baixo un mesmo idioma de chuvia, indagaba na orixe das pautas que, trazadas coma en pueril caderno de caligrafía, guiaban as interminábeis conversas plenas en verbas mais futéis en contido. Cansa, na fin, de oídos repletos de palabras que non lle dicían nada.